20 ene 2012

II EDICIÓN DO CONCURSO ESCOLAR «PARLAMENTO DE GALICIA, A TÚA CASA. A CASA DE TODOS OS GALEGOS E AS GALEGAS». BASES DA CONVOCATORIA


1. TEMA E ACEPTACIÓN DAS BASES
O Parlamento de Galicia convoca a II edición do concurso escolar baixo o lema «Parlamento de Galicia, a túa casa. A casa de todos os galegos e as galegas».
A participación no concurso supón a expresa aceptación, por parte dos participantes, destas bases e a autorización expresa dos menores participantes (de seus pais e nais ou titores legais) da cesión dos seus datos persoais, imaxe e cesión a terceiros e publicación dos seus traballos, o cal deberá facerse por escrito na documentación que se lle envíe á Cámara.
2.  REQUISITOS E CARACTERÍSTICAS DOS TRABALLOS
Os traballos terán que versar sobre o Parlamento de Galicia en todas as modalidades. O seu formato e soporte serán diferentes, en función dos niveis educativos.
Os traballos deberán ser colectivos e elaborados por un grupo de dous alumnos como mínimo e cinco como máximo. Cada alumno só poderá participar nun grupo e cada grupo presentará un único traballo.
Os traballos realizaranse baixo a orientación dun profesor ou profesora responsable. En consecuencia, o docente deseñará o traballo de referencia xuntamente co grupo ou os grupos de alumnos do curso, procurando a motivación do alumnado e fomentando a súa creatividade. De todos os traballos realizados será o propio docente, en colaboración cos seus alumnos, quen seleccione e decida cal é o único traballo que vai representar a súa clase para ser enviado ao Parlamento de Galicia. Cada centro educativo poderá enviar un máximo de cinco traballos por cada modalidade do concurso.
En xeral teranse en conta como criterios de valoración a creatividade e orixinalidade dos traballos realizados, a imaxinación, a dificultade e, sobre todo, a correcta e clara transmisión dunha mensaxe.
Resulta importante amosar o coñecemento que se posúe da institución parlamentaria, dentro do grao de madureza e do nivel da modalidade educativa na que se participe.
3. PARTICIPANTES
O concurso está dirixido a alumnos/as de educación infantil, primaria, secundaria e educación especial, segundo a modalidade de que se trate.
4. MODALIDADES
4.1. Concurso de debuxo/pintura (todas as técnicas)
Está dirixido ao alumnado de infantil, de 1.º, 2.º e 3.º de educación primaria e de educación especial.
Formato e soporte do traballo:
·         Medida en DIN-A 3
·         Papel e cartolina
·         Collage
·         Cómic
4.2. Concurso de redacción
Está dirixido ao alumnado de 4.º, 5.º e 6.º de primaria e 1.º e 2.º de secundaria. As redaccións serán manuscritas e terán unha extensión máxima dun folio.
4.3. Concurso de expresión libre
Está dirixido ao alumnado de 3.º e 4.º de secundaria. Valorarase calquera tipo de expresión creativa como vídeo, fotografía, spot publicitario ou medio relacionado coas tecnoloxías da información, que poida ser inserido nunha páxina web. Non se admitirán maquetas físicas.

5. INSCRICIÓN E PRESENTACIÓN DOS TRABALLOS
Os centros interesados en participar no concurso deberán facer a súa inscrición  antes do 10 de febreiro de 2012 mediante unha solicitude, segundo o modelo que figura no anexo I, dirixida á presidenta do Parlamento e enviándoa ao  correo electrónico  presidencia@parlamentodegalicia.es, na que se indiquen os nomes dos profesores e grupos que elaborarán os traballos, así como a aceptación do compromiso de facer as seleccións previas necesarias que lles permitan establecer cales son os traballos que presentará o centro ao concurso.
Os centros inscritos poderán solicitar calquera aclaración que consideren necesaria para o desenvolvemento do concurso, a través dese correo electrónico.
Os traballos, dirixidos á presidenta do Parlamento de Galicia, deberán levar unha etiqueta identificativa coa denominación «CONCURSO ESCOLAR», e presentaranse ou enviaranse por correo postal, antes do 13 de abril de 2012, no Rexistro do Parlamento de Galicia (rúa do Hórreo, 63, 15701-Santiago de Compostela).
Os orixinais irán acompañados dunha etiqueta polo reverso dos traballos, na que se incorporará e completará conforme se indica a continuación,  o seguinte texto:
«TRABALLO PRESENTADO NA MODALIDADE DE ..... EN REPRESENTACIÓN DO CURSO/AULA ..... DO CENTRO ESCOLAR ….., COORDINADO POLO/A PROFESOR/A ..... E ELABORADO POLO GRUPO DO QUE FORMAN PARTE OS SEGUINTES ALUMNOS: .......».
Neste texto expresaranse necesariamente os seguintes datos: a modalidade na que se participe; o curso ao que pertenza o grupo participante; o nome e os apelidos do profesorado que coordine; o nome, os apelidos e a idade de cada un dos integrantes do grupo de traballo; o nome do centro escolar, co enderezo, teléfonos de contacto e correo electrónico.
Aqueles traballos que incumpran algunha das bases establecidas quedarán automaticamente excluídos das deliberacións do xurado.
Os traballos dos participantes non gañadores poderán retirarse na sede do Parlamento de Galicia durante o prazo dun mes, contado a partir da data na que se faga pública a decisión do xurado encargado de resolver os premios.
6. XURADO
O xurado estará composto polos membros da Mesa do Parlamento, ou os deputados nos que deleguen, e por un docente proposto polo Parlamento de Galicia.
7. PREMIOS
Concederanse en cada modalidade dous premios: un primeiro premio para o grupo que resulte gañador, e un segundo premio ou premio finalista ao grupo que quede en segundo lugar.
Ademais concederase un premio á clase á que pertenza o grupo gañador, outro para o/a docente que supervisase o devandito grupo e outro ao centro educativo ao que pertenza ese grupo gañador.
7.1.  Contido dos premios:
a) Para os alumnos do grupo gañador:
– Concurso de debuxo/pintura: Nintendo DS, xogo sobre a arte de pintar e un lote de libros.
Concurso de redacción:  ordenador portátil e un lote de libros.
– Concurso de expresión libre: ordenador portátil e un lote de libros.
b) Para a clase do grupo gañador: excursión de carácter educativo para visitar un lugar significativo de Galicia, na data que decida o centro.
c) Para o/a profesor/a supervisor/a do traballo do grupo gañador: unha táboa dixital.
d) Para o centro educativo do grupo gañador: a cantidade de 2.000 euros para destinar á organización de actividades extraescolares ou actividades da biblioteca escolar, que será ingresada na conta bancaria que se indique. Estes premios non son acumulables, polo que os centros soamente poderán recibir o premio de 2.000 € con independencia das modalidades nas que poidan resultar premiados.
e) Para o grupo finalista: MP4 e un lote de libros.
Os alumnos e as alumnas que resulten premiados, acompañados do profesorado que coordinou a realización dos traballos, serán convidados a un acto no Parlamento de Galicia no que se entregarán os premios ás distintas categorías.
8. DEREITOS DE PROPIEDADE INTELECTUAL
O Parlamento de Galicia reserva para si o dereito a publicar en modo impreso, en soporte dixital e na súa páxina web, na súa totalidade ou en parte, os traballos premiados.
O Parlamento de Galicia reserva para si todos os dereitos de propiedade e uso dos traballos premiados, así como a posibilidade de darlles difusión por calquera medio.


No hay comentarios:

Publicar un comentario